EGANET abre a convocatoria para os Premios Eganet’11, unha iniciativa que xa vai pola VIII edición. O TIC é un sector en constante evolución e os Premios Eganet adecúan edición tras edición as súas categorías para que recollan a actualidade máis punteira. O respaldo de máis de 800 empresas e 1.100 proxectos presentados nas sete edicións anteriores avalan os Premios Eganet como un proxecto maduro, consolidado e o de maior repercusión para o sector TIC galego.
Os premios recoñecen o labor de profesionais e empresas galegas que traballan con tesón, calidade e un alto nivel competitivo no desenvolvemento do sector TIC en Galicia.
Con esta iniciativa, EGANET quere promocionar e servir de plataforma de lanzamento para os proxectos realizados total ou parcialmente por empresas galegas no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, dando a coñecer a tódolos sectores da sociedade os resultados dos traballos das empresas galegas neste ámbito.
O recoñecemento e a promoción dos finalistas de cada categoría farase no transcurso da Gala dos Premios, que se celebrará o próximo 21 de decembro, e na que coñeceremos os gañadores. Unha oportunidade para visualizar e achegar as TIC a todos os sectores produtivos galegos e á cidadanía en xeral.
As categorías de premios este ano son:
1. Premio PROXECTO EMPRESARIAL TIC
2. Premio PROXECTO EMPRENDEDOR TIC
3. Premio APLICACIÓN SOFTWARE
4. Premio COMUNICACIÓN DIXITAL
5. Premio PROXECTO DE NEGOCIO ONLINE