Viernes, 17 de Febrero de 2012 13:05
O Goberno galego vén de culminar dous anunciados proxectos nos ámbitos da sociedade da información e da innovación. Trátase da creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), por unha banda, e da Axencia Galega da Innovación (AGI), pola outra, cuxos decretos de constitución veñen de ser publicados no DOG e que, sen máis dilacións, prevén a súa plena operatividade para mediados do mes de marzo, no caso da AMTEGA, e abril, no da AGI.
A creación de axencias ou outro tipo de organismos autónomos non é novo, nin no funcionamento da Xunta nin no de calquera Administración pública, tan en voga como se atopa o debate da chamada “Administración paralela”. Sen ánimo de profundar neste debate, que inclúe unha problemática de índole laboral, e no que respecta ás referidas axencias para a I+D+i e a Sociedade da Información galegas, o novidoso da súa creación é que substitúen por completo a estrutura organizativa da Xunta nos seus ámbitos de actuación, incluíndo competencias e funcións, persoal e dotación orzamentaria e patrimonial.
Así, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ocupará o lugar da actual Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) e a Axencia Galega da Innovación substituirá a Dirección Xeral de I+D+i. Formalmente manterán a dependencia orgánica que tiñan ata o de agora, é dicir, se a AMTEGA dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta e organicamente da Consellería de Presidencia, a AGI, pola súa parte, dependerá da Consellería competente en materia económica. Da mesma maneira, as persoas que ocupen a dirección de cadansúa Axencia manterán o rango de secretario/a e director/a xeral.
Custes á marxe, en todo caso os anuncios políticos destacando aforros millonarios, a efectividade desta notable modificación orgánica da Xunta terá que avaliarse, no longo prazo, previa análise dos indicadores de desenvolvemento das TIC e da I+D+i na comunidade. Mentres tanto, o que de certo podemos aseverar é que a figura das axencias outorgan unha maior operatividade e flexibilidade de actuación. Se cadra sería máis pertinente demandar da propia Administración a revisión dos seus modelos de funcionamento, tan xuridicamente seguros coma interminables ou incluso ineficaces; pero, namentres, a realidade fai acreditar nesa maior axilidade funcional dos “entes autónomos”, chámense, neste caso, axencias.
Agrupación de competencias
Segundo os seus decretos de creación, cada axencia asumirá todas as competencias -así como persoal e orzamento- que en materia de I+D e TIC aínda se atopan dispersas en distintos departamentos da Xunta, tanto que o proceso será gradual na Axencia para a Modernización Tecnolóxica, que ten previsto integrar en catro anos a totalidade dos departamentos informáticos da Xunta, dende as da Consellería de Presidencia ata Sanidade e Facenda, as últimas en incorporarse á AMTEGA.
A idea de agrupar competencias TIC xa a recollía o actual Goberno da Xunta ao crear a SXMIT, que herdaba unha Xunta con gran dispersión competencial, cando menos nesta materia, incluso reacia á reestruturación de departamentos xa negociados no comezo de lexislatura. O bipartito incluso deixou pendente a creación, por lei, da súa propia -e tamén amplamente anunciada- axencia da innovación e desenvolvemento industrial, estancada en trámites interdepartamentais, desavinzas e desconfianzas do que podería ser ceder terreo perante o proxecto político contrario. Dende esta perspectiva, a constitución destes organismos acada máis transcendencia, como referentes de peso dentro da Administración autonómica aos que calquera axente sectorial poida dirixirse coa seguridade de petar na porta correcta.
Transversalidade e apertura
AMTEGA e AGI nacen coa concepción de transversalidade tanto na aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación coma da innovación, polo que os seus consellos reitores contarán con representantes de todas as consellerías da Xunta. É certo que TIC e I+D deben considerarse hoxe en día linguaxes integradas en calquera actuación de índole administrativa, social ou económica, mais lembremos que hoxe as Tecnoloxías da Información trascenderon a categoría de “ferramentas” para xerar un completo tecido económico que achega como mínimo o 6% do PIB estatal.
Quixeran atender ou non a esta realidade, os estatutos da AMTEGA contemplan a posibilidade de que persoas cualificadas ou institucións, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, participen con voz e sen voto nas sesións do seu consello reitor, sempre que teñan relación relevante coas materias incluídas na orde do día. Citándose textualmente e como exemplos a FEGAMP e o sistema universitario galego, cabe esperar que poida escoitarse neste consello reitor a voz do tecido produtivo, do propiamente TIC e daqueles sectores de actividade con necesidades tecnolóxicas específicas.
Novidades funcionais
A estrutura funcional da nova Axencia Galega de Innovación contempla unha Área de Financiamento, centrada na xestión das actividades de captación de recursos nacionais e internacionais para a I+D+i galega, labor imprescindible para atraer ao noso país parte das substancionas liñas de financiamento existentes neste ámbito e nas que escasamente as empresas galegas conseguen competir en condicións de igualdade. De aí que resulte estratéxico o deseño dunha estrutura organizativa pública para a captación de investimentos que manteña un contacto permanente con todos os axentes da I+D: Administración pública, Universidade e iniciativa privada.
A AGI prevé tamén a creación, no prazo de seis meses desde a súa posta en marcha, dun rexistro de axentes do Sistema Galego de Innovación e dun Observatorio de Innovación de Galicia.
No tocante á Axencia para a Modernización Tecnolóxica, alén de recoller o testemuño, con maior precisión e detalle, de todos os departamentos nos que se estrutura a actual SXMIT, resulta de interese a creación dunha Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, clave para a predicada coordinación dos sistemas de información sectoriais ou departamentais, que incluirá a figura dos xerentes de proxectos informáticos que precise a Xunta.
A área de Sociedade Dixital ocuparase da dinamización das TIC na sociedade e nas empresas e das actuacións necesarias para a redución da fenda dixital en Galicia. Abranguerá un departamento específico de Sociedade da Información e outro de Innovación Tecnolóxica, que se encargará, entre outras, do apoio aos proxectos para a innovación e emprendemento en materia de novas tecnoloxías.
Recursos
A maiores das canles ordinarias para as súas dotacións orzamentarias, as axencias contan cunha certa capacidade de autofinanciamento ao incorporaren os seus estatutos a posibilidade de asinar contratos con outras entidades públicas ou privadas e persoas físicas. No caso da AMTEGA, un punto específico contempla a posibilidade de obter ingresos pola explotación ou uso das súas propias solucións, aplicativos ou desenvolvementos tecnolóxicos, exercicio que requirirá de cumprida atención para que non colida coa propia actividade do sector TIC galego.
Semella, finalmente, que chegou o momento de darlle o pulo necesario ao sector das novas tecnoloxías así como ás actividades de I+D+i para que deixen de converterse en palabras baleiras de contido e si substitúan de maneira efectiva esa economía “do ladrillo” que resultou enganosa para gobernos, empresas e cidadáns.