Miércoles, 22 de Febrero de 2012 13:27
As posibilidades que os códigos QR poñen a disposición do mundo cultural son un dos piares do traballo de Wireless Galicia, quen unificou estas cada vez máis populares etiquetas coa tecnoloxía NFC (Near Field Communication). O resultado desta fusión é iBeaken, unha interesante aplicación que xa puidemos coñecer no Culturgal do pasado decembro.
Agora, a empresa viguesa vén de implantar esta solución na exposición de arte galega contemporánea "Coordenadas", que permanecerá no Centro Social Novacaixagalicia de Vigo ata o 30 de xuño de 2012. É a primeira vez que se leva a cabo unha iniciativa deste tipo en Galicia.
O obxectivo deste sistema é darlle un valor engadido ao material exposto, fornecendo a posibilidade de que o público amplíe a información sobre as pezas expostas a través do seu smartphone. O funcionamento do sistema é moi sinxelo: cada obra ten asignado un código QR que pode ser "lido" dende o dispositivo móbil. A partir del, accederemos a unha páxina web na que poderemos ampliar a información que aparece nos soportes físicos da exposición.
Dependendo do móbil que utilicemos, a lectura da etiqueta poderase facer a través dunha fotografía do mesmo, que será descodificada cunha aplicación de lectura de códigos QR, ou ben utilizando a tecnoloxía NFC, en cuxo caso bastará con achegar o móbil á etiqueta para ser redireccionados á web que contén a información. Existe, aínda, unha terceira forma de acceder á información: quen xa teña unha conta propia en iBeaken, poderá ler a etiqueta, introducir o seu código e acceder directamente á web, abrindo así o catalogo completo dos contidos relacionados con esta exposición.

Sen dúbida, esta idea de unir arte e tecnoloxía en prol do coñecemento vai gustar aos amantes da arte máis curiosos, que poderán coñecer detalles da obra, ler críticas sobre a mesma, acceder á biografía do artista, ver outras das súas obras e compartir esa información nas redes sociais de xeito directo, xa que esta aplicación incorpora tamén botóns sociais.
A montaxe desta exposición ten un espírito moi didáctico e heteroxéneo, reunindo obras do século XX con pezas clásicas e adquisicións moi recentes de arte contemporánea tanto de autores xa consagrados como de artistas novos. Ademais, este carácter didáctico refórzase co desenvolvemento de visitas-obradoiro especificamente pensadas para os escolares, nas que sen dúbida o uso de iBeaken será unha grande grande vantaxe para os docentes que visiten a exposición co seu alunado.
"Coordenadas" pode visitarse os venres, sábados, domingos e festivos de 17.30h a 20.30h; durante a semana, previa reserva telefónica, poderán acudir os grupos escolares e outros colectivos que así o soliciten.