Viernes, 27 de Enero de 2012 14:08
Onte facíase público o programa completo do Compostweets 2012, a segunda edición do Encontro Anual de Social Media en Galicia que se celebrará o sábado 25 de febreiro no Centro de Novas Tecnologías de Galicia (CNTG). Tres das empresas de Eganet, Buydeal, Primate e Imaxín Software, participarán activamente en dúas das mesas redondas previstas para a xornada.
Buydeal, unha das máis recentes incorporacións á asociación e que participou tamén nos Premios Eganet 2011, falará da súa visión en torno ao e-commerce e as redes sociais, no faladoiro que comezará ás 11.30, que presentará Carlos Toural, investigador do grupo Novos Medios da USC, e no que tamén participará Raquel Lemos, de Publiwoman. Primate e Imaxín serán protagonistas do encontro das 15:45, no que Camilo Ameijeiras compartirá opinións sobre aplicacións informáticas con Luz Castro.
Máis aló desta participación dos socios, o Compostweets 2012 preparou un programa interesante dende o principio. O relatorio de apertura, ás 10:45h, correrá a cargo de José Luis Orihuela (@jlori), unha das figuras máis destacadas da Internet española, profesor da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra, investigador e autor do blog eCuaderno e de varios libros sobre as redes sociais e Internet. Marcus Fernández, de Código Cero, actuará como anfitrión deste prestixioso convidado.
Estará presente tamén un galego que acadou un gran recoñecemento polo seu labor en Microsiervos, Javier Pedreira "Wicho" (@wicho), e que foi parte activa da historia da blogosfera hispana. O investigador do grupo Novos Medios da USC, David Serantes, tamén do grupo Novos Medios da USC, será o encargado da súa presentación. Wicho falará precisamente de Microsiervos a partir das 17:00.
Mais non só de "gurús" da Rede vive o Compostweets. A maior representación vén do mundo empresarial e doutros eidos que utilizan as TIC e os medios sociais na promoción das súas iniciativas. Dende a gastronomía, representada por Alex Pereira, o "Coachiñeiro", e polas empresas restalo.es e elmarisconoescaro.com; ata a publicidade en Internet, coa presenza de BAP&Conde, responsable da famosa campaña para Gadis "Vivamos como Galegos", e a firma compostelá de branding persoal SerMarca; e un atípico encontro entre Turgalicia e A Fervenza do Sur.
Ademais dos relatorios, o programa completaráse cun resumo dos mellores vídeos virais e campañas online feitos en Galicia durante o ano pasado (14:00h), un xantar (14:45h) e un Espazo SpeakFree (18:00), que coordinarán Francesc Pumarola e Javi Rocamora, especialistas en estratexia e márketing dixital para pemes, responsables tamén da zona FreeNet de consultoría 2.0, de balde para empresas e particulares e que funcionará durante toda a xornada.
A asistencia ao Compostweets é de balde, pero é necesario facer unha reserva previa a través da web oficial, xa que o aforo está limitado a 250 persoas. O servizo de cátering terá un custo de 20€.