Coa convocatoria destes premios, EGANET tenta estimular o labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que, sentíndose comprometidos coa expansión da Sociedade da Información en Galicia, deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón de ser.
Poderán presentar as súas candidaturas a estes premios empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións. De non ter razón social en Galicia, poderán participar sempre que teñan relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galega.
Non poderán presentarse a ningunha categoría os proxectos xa premiados en calquera categoría de edicións anteriores.
Os traballos que se presenten deberán ser realizados de conformidade coas licencias do software empregado polos autores e respectando os dereitos de propiedade intelectual de todos e cada un dos elementos que o compoñan. Os proxectos estarán rematados e/ou presentados no ano da convocatoria.
De se comprobar o incumprimento das condicións recollidas nas bases ou de se incluíren datos falsos na documentación remitida, Eganet resérvase o dereito de denuncia e os proxectos serán rexeitados.
As categorías recollidas son cinco, ás que se lle engade o Premio Especial EGANET que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, desde a última edición, máis se teñan esforzado en daren a coñecer e impulsaren a realidade galega no entorno de Internet e que, deste xeito, contribúan a promocionar as novas tecnoloxías na sociedade galega. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa directamente ao premiado ou premiada.
Esta VIII Edición dos Premios EGANET fai unha revisión das categorías consonte ao actual panorama galego das TIC, configurándose as seguintes: Proxecto Empresarial TIC, Proxecto Emprendedor TIC, Aplicación Software, Comunicación Dixital e Proxecto de Negocio Online.
As CATEGORÍAS dos VII Premios EGANET son as seguintes:
Crearase un Comité Avaliador Experto, formado por empresas asociadas a Eganet e que non presenten candidatura na categoría na que participen como Avaliadores. Este Comité ten o obxectivo de filtrar os traballos presentados para cada categoría. En cada unha delas deixará como mínimo 5 proxectos, que serán os que se lle presentarán ao xurado.
O xurado será externo a Eganet e estará formado por expertos en cada categoría. Os membros do xurado daranse a coñecer no acto da gala de entrega dos galardóns.
Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con catro finalistas por categoría, sendo segredo o gañador de cada unha ata o momento da Gala de entrega dos Premios. No caso de que non se puidera determinar o gañador ou os finalistas nunha categoría, debido á obtención da mesma puntuación entre dúas ou máis candidaturas, o patrocinador desa categoría contará co voto de calidade.
O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto un ou varios premios no caso de non recibir ningunha candidatura ou se as presentadas non teñen a calidade suficiente como para ser premiadas.
Se a criterio do xurado un proxecto ten cabida noutra categoría e non na que se presentou, farase a modificación de presentación de xeito inmediato.
As candidaturas gañadoras e finalistas recibirán un trofeo representativo e exclusivo. Non comportan dotación económica, ao tratarse de galardóns de honra que distinguen a calidade.
Os premiados poderán facer publicidade do galardón sempre que se especifique claramente en lugar visible o ano e categoría premiada.
EGANET entregará un logo acreditativo da condición de gañador ou finalista dos Premios EGANET. Os premiados poderán amosar na páxina principal do seu sitio web o logo acreditativo ligado para www.premioseganet.com. Os premiados e finalistas poderán facer tamén outra publicidade do galardón noutros medios (membretes de empresa, anuncios publicitarios, etc.). Calquera uso do logotipo ou da mención da súa condición de premiado ou finalista, sempre deberá ser de conformidade coa imaxe oficial autorizada por EGANET e especificando obrigatoriamente, en lugar visible e de maneira clara, o ano e a categoría no que foron premiados ou foron finalistas e, no caso de facer esa publicidade na Web, dispoñendo unha ligazón directa á páxina principal do sitio web www.premioseganet.com ou outra que sexa acordada cos responsables de EGANET.
Pola súa banda, EGANET procederá a incluír, no caso dos proxectos premiados con presenza na Web unha ligazón a cada un deles dentro do sitio web www.premioseganet.com onde terá presenza cando menos ate a posta en marcha da edición do ano seguinte.
Os interesados en presentar unha candidatura aos premios EGANET deberán facelo exclusivamente a través da web www.premioseganet.com. Para elo, deberán cubrir o formulario online e axuntar a documentación que consideren, sempre cumprindo cos seguintes requisitos mínimos:
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 8 de decembro de 2011 ás 23:59 horas.
A presentación das candidaturas poderá facerse unicamente a través do portal www.premioseganet.com. Naqueles casos que sexa necesario mandar información complementaria que non se poida achegar a través do formulario desta web, deberá ser subida polo interesado a un servidor e indicar a url de acceso no formulario de solicitude.
Como data de presentación entenderase a de recepción do formulario.
En caso de se producir algún tipo de incidencia ou dúbida no proceso de presentación da candidatura, os candidatos poden dirixirse a CLOAKING ou ao teléfono 981 530 352 para solicitar información ou expoñer a incidencia ocorrida
A organización resérvase o dereito de modificar as bases dos premios, parcial ou totalmente, en calquera momento. Estas modificacións constarán na web oficial dos premios www.premioseganet.com, entendéndose que os candidatos coñecen e aceptan a última versión que delas conste publicada na devandita web.
O feito de presentar a candidatura aos premios implica a aceptación destas bases na súa totalidade.
A directiva de EGANET ou, no seu caso, a comisión na que delegue, será a única instancia autorizada para a interpretación das presentes bases, para o cal poderá solicitar os informes ou asesoramento que considere oportunos, e as súas decisións serán inapelables.