Mércores, 07 de Setembro de 2011 11:34
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) convocan unha nova edición do Premio á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2011, patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos e que forma parte dos Premios Galicia Telecomunicacións e Sociedade da Información. Coa concesión deste Premio, dotado con 6.000 euros, preténdese dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
O Premio entregaráse no trascurso da XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que terá lugar o venres 21 de outubro na Toxa. Quen considere de interese concorrer ó mesmo e o desexe, pode consultar aquí as bases da convocatoria do Premio Ingeniero Gerardo García Campos 2011. O prazo de presentación de memorias remata o vindeiro 19 de setembro ás 14:00 horas.
A fundación “Ingeniero Gerardo García Campos” leva desde o 1999 dando soporte a actividades que se afastan un pouco dos proxectos industriais consolidados, tales como apoio ós promotores de calquera actividade científico-técnica que precise un soporte tanto financeiro como científico, estrutural e moral que lles axude a consolidar o seu proxecto. A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), creada en 1991, é unha asociación sen ánimo de lucro que conta con mais de 1000 profesionais das Telecomunicacións e das Tecnoloxías da información. Os Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia representan case un 10% dos Enxeñeiros de Telecomunicación de España.